CAP Granxa O Cancelo | Cancelo - Bemantes. 15630. Miño. A Coruña | 981 795 832 | www.capcoruna.com

CAP Granxa O Cancelo

Na CAP entendemos que a práctica é unha estupenda maneira de aprender. Foi por iso que no 2009 asumimos a xestión directa dunha granxa no concello de Miño (A Coruña). Así naceu Granxa O Cancelo, un proxecto para traballar a favor do sector lácteo. Producimos leite aproveitando os recursos da nosa terra e queremos ofertar un produto local e diferenciado.

Granxa O Cancelo é un proxecto integrador que pretende conectar directamente a produtoras e produtores con consumidoras e consumidores, sen intermediarios. Non se trata dunha granxa produtora de leite máis. Utilizamos técnicas de produción que nos permiten obter os mellores rendementos garantindo un uso responsable e sustentable dos recursos, o benestar das nosas vacas e as boas condicións de traballo para as persoas.

Tamén realizamos unha tarefa de formación de persoal técnico, colaboramos con outras empresas, con centros de investigación e universidades e desenvolvemos un labor divulgativo para dar a coñecer ás consumidoras e consumidores como se produce o leite que consomen e a importancia deste sector para o noso País.

Granxa O Cancelo é un soño feito realidade. É unha mostra máis da aposta da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña polo sector lácteo galego e polo desenvolvemento do medio rural..